Saturday 27 de April de 2024

A Deputación participa en FicRural que se desenvolve en Santiago até o vindeiro 28 de setembro


A Deputación participa en FicRural que se desenvolve en Santiago até o vindeiro 28 de setembro
Cun repenique de campás anunciando o acto inaugural presentouse no Centro Sociocultural da Gracia a primeira edición e FicRural, a feira e foro arredor dun rural con futuro que se desenvolve esa semana en Santiago de Compostela. O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas participou xunto co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo e o director do FICRural, Aser Álvarez, no acto inaugural.

O deputado de Contratación e Patrimonio, Xosé Luís Penas, sinalou na súa intervención: este tipo de foros preséntanse en clave de esperanza para o rural. Mostrou o seu desexo de que FicRural se converta nun “foro para traballar, mostrar e construír en clave rural, en clave país, porque falar do rural é falar de canto representamos e falar de tradicións, cultura, economía, historia. O rural é o berce de quen tivemos a sorte de beber nas súas fontes, máis de toda unha sociedade que xurde del”. Avogou tamén para que iniciativas como esta dean a coñecer todo o potencial que ten o rural para o país, tanto económico como social.

Na súa intervención Sánchez Bugallo deu as grazas á Deputación da Coruña pola súa colaboración e destacou que a maior preocupación arredor do rural, sinalou, é asegurar o futuro das novas xeracións: “temos que xerar actividade económica produtiva viable para que os máis novos non teñan que marchar de Santiago nin de Galicia”.

A contada de María da Pontragha, o concerto “Terra e alma” de Moisés Quintas foron as actuacións culturais do acto de inauguración.

Manifesto

O manifesto, lido polo xornalista e director de FicRural, Aser Álvarez, aposta por “unha revolta pacífica na defensa do rural e contra o cambio climático”, reivindica o rural como imprescindíbel “para o equilibrio territorial, social, económico e para a defensa do medio ambiente”.

O manifesto apunta ao FicRural como punto de inflexión, de concienciación do cambio de políticas para frear “a hemorraxia do rural” que en Galiza tamén está xa afectando ás cidades. ”

Pedimos facilidades para a creación de empresas, que poidan xerar emprego e riqueza. A rexeneración é posible. Que ninguén pense que este repenique de campás reivindicativo vai quedar aquí. Abonda xa de estereotipos e prexuízos arredor do rural. Chegou o tempo dos acordos, dos consensos e do apoio para os proxectos emprendedores, innovadores e creativos”. O rural precisa “con urxencia un gran pacto político con ampla maioría. Compostela, a capital de Galicia, a aldea máis grande de Europa, pode e debe ser a vangarda deste movemento. FICRURAL nace para avanzar nesta dirección cara un futuro onde outro rural é posible”, sinalou o manifesto